Friday 17 de May de 2024

Estudantado do IES da Pobra aproximouse á obra de Valle-Inclán mediante unha peza teatral


A Pobra do Caramiñal atópase inmersa nas XXIV Xornadas de Homenaxe a Valle-Inclán, que deron comezo na fin de semana coa apertura dunha mostra, unha conferencia, unha presentación literaria e unha función teatral. Precisamente esta última actividade repetiuse neste luns 17 cunha sesión exclusiva dirixida ao IES da Pobra do Caramiñal. Alumnado de 1.° do bacharelato asistiu á representación de Luces de bohemia de Ramón del Valle-Inclán, a cargo de MyH Producciones.

Á súa chegada ao teatro cine Elma foron recibidos/as pola concelleira da Cultura, Patricia Lojo (PSdeG-PSOE), quen puxo en valor esta obra teatral, que se representa en Galicia pola primeira vez ao abeiro do referido evento de divulgación do ronsel valleinclaniano e que lles permite ás novas xeracións achegarse cunha compoñente lúdica á figura e legado dun autor que teñen que estudar na secundaria.

O instituto desprazarase ata o Museo no xoves 20 para presencia-la interpretación de Valle-Inclán e ti, de Artes Estudio.

Ademais, para as escolas infantís configúrase a proposta Pinta a Valle-Inclán, que transcorrerá do día 18 de outubro ata o día 2 de novembro.

Doutra banda, o Auditorio acollerá no venres 21, ás 20.30 horas, a conferencia Josefina Blanco, unha actriz esquecida, a cargo de Xeila Iglesias, aberta a toda a cidadanía.

A programación das xornadas concéntrase na última quincena do mes e non se require a inscrición previa.